21/9/26

LIBROS, ILUSIÓNS E MOITAS GANAS DE COLABORAR!

Bo día, Curuxiñalector@s!
Hoxe os nosos futuros voluntarios e voluntarias de biblioteca participaron nunha formación para coñecer mellor o funcinamento deste espazo e descubrir todo o que poden facer para axudar a mantelo vivo. Durante a xornada aprenderon sobre a organización, o coidado dos libros e a importancia de ofrecer a todos os compañiros e compañeiras unha biblioteca acolledora e dinámica. 
Estou encantada de contar con este equipo de voluntariado que, pouco a pouco, vai facendo da nosa biblioteca un lugar máis participativo, compartido e cheo de vida.



8/9/26

SEMENTANDO FUTURO: COMEZAMOS UN NOVO CURSO!

Bo día, Curuxiñalector@s!

Coa ilusión, a enerxía e as ganas de aprender sempre trae consigo un novo comezo, damos por iniciado un novo curso escolar. E facémolo cun proxecto que nos acompañará ao longo de todo o ano: "Sementando futuro".

Este curso queremos poñer a mirada máis alá das aulas e aprender a construír, entre todos e todas, unha vila e un mundo mellores. Para iso, o noso PDI estará centrado nos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS), achegándoos ao día a día do alumnado dun xeito próximo, práctico e significativo. Traballaremos para que os nenos e nenas comprendan que as pequenas accións de hoxe poden transformar o mañá: coidar o planeta, respectar as persoas, promover a igualdade, consumir de maneira responsable, protexer os nosos ecosistemas e participar activamente na comunidade. E para dar a coñecer este novo proxecto desde primeiro momento, as entradas dos nosos edificios quedaron transformadas con murais representativos. Unha maneira visual e colorida de dar a benvida ao novo curso e lembrar, cada día ao entrar, o propósito que nos une.

Porque educar tamén é sementar valores, conciencia e compromiso. Queremos que o noso alumnado medre entendendo que cada persoa ten un papel importante na construción dunha sociedade máis xusta, sostible e inclusiva. Ao longo deste camiño, aprenderemos, investigaremos, imaxinaremos, compartiremos e, sobre todo, actuaremos. Porque o futuro non só se agarda, constrúese.

Benvidos e benvidas a "Sementando futuro"






16/6/26

REMATAMOS UN CURSO CHEO DE APRENDIZAXES E COMPROMISO CO NOSO PLANETA

Ola, Curuxiñalector@s!

Ao longo deste curso desenvolvemos o noso Proxecto Documental Integrado (PDI) "Cos Pés na terra", un percorrido cheo de experiencias, investigacións, lecturas, creacións e accións que nos permitiron reflexionar sobre a importancia de coidar o noso entrono e contruír un futuro máis sostible.

Como peche deste traballo, elaboramos un tríptico recompilatorio no que recollimos unha pequena mostra das actividades realizadas, todas elas vinculadas aos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS) e aos valores que giaron o noso proxecto: aprender, coidar, participar, crear e compartir.

Aquí poderedes descubrir algunhas das propostas que nos axudaron a traballar aspectos tan importantes como o benestar emocional, a educación de calidade, o consumo responsable, a acción polo clima, a conservación da biodiversidade e o traballo en comunidade. 

Agardamos que todo isto vos permita coñecer mellor o camiño percorrido e todo o aprendido durante este curso. Porque cada pequena acción conta e, xuntas, axúdannos a construír un mundo mellor.









DESPEDIDA DOS VOLUNTARIOS DE BIBLIOTECA

 Bo día, Curuxiñalector@s!

Hoxe celebramos a despedida do noso alumnado voluntario da biblioteca, un grupo que ao longo do curso demostrou compromiso, responsabilidade e ilusión no seu traballo diario. Como mostra do noso agradecemento, fixémoslles entrega dun pequeno agasallo en recoñecemento ao labor prestado, pola súa colaboración constante e por seren un modelo e exemplo para os nenos e nenas dos cursos inferiores. A súa dedicación contribuíu a facer da biblioteca un espazo máis vivo, acolledor e participativo. Agardamos que no instituto continúen cultivando este espírito de colaboración, compromiso e amor polos libros. 

Moitas grazas por tod e moita sorte nesta nova etapa!




12/6/26

OS VOADOR@S DE LIBROS COS PÉS NA TERRA CHEGAN Á SÚA ANDAINA FINAL

 Bo día, Curuxiñalector@s!

Hoxe puxemos punto e final á viaxe dos VOAdor@s de Libros, cun último obradoiro de escritura. Unha aventura chea de historias, aprendizaxes e momentos compartidos. Ao longo deste camiño, fomos descubrindo que a lectura non só nos abre portas a novos mundos, senón que tamén nos une e nos fai crecer xuntos e xuntas.

Como resultado de todo o vivido, do ben que o pasamos e do moito que compartimos, elaboramos unha bolsa moi especial para gardar as próximas lecturas que vos acompañarán na nova viaxe que emprenderedes na ESO. Un pequeno recordo deste percorrido e, ao mesmo tempo, unha ferramenta para seguir cultivando ese amor polos libros. 

Esperamos de corazón que desfrutárades desta experiencia tanto como nós, e que cada páxina lida deixe en vós unha pegada especial.

"Quen aprende a amar os libros, nunca viaxa só. E cómo dicimos sempre ao rematar as nosas sesión:

O QUE PASA NO CLUB DE LECTURA...QUÉDASE NO CLUB DE LECTURA




5/6/26

DA LECTURA Á INVENCIÓN: SEGUINDO OS PASOS DA SEÑORITA BUBBLE

 Bo día, Curuxiñalector@s!

Hoxe no noso club de lectura vivimos unha xornada inspirada na fantástica personaxe da Señorita Bubble. Despois de coñecer as súas aventuras, convertémonos por un día en inventores e inventoras, deixando voar a imaxinación para crear obxectos novos e sorprendentes.

Seguindo os principios dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS) e as propostas do noso PDI, apostamos pola reutilización de materiais que xa non tiñan un uso aparente e transformáronse en cracións únicas grazas ao enxeño e á creatividade do alumnado. A actividad permitiunos reflexionar sobre a importancia de reducir residuos, reutilizar recursos e coidar o medio ambiente, demostrando que moitas veces os mellores inventos nacen das cousas máis sinxelas. Ademais traballamos a capacidade de resolver problemas, o pensamento creativo e o traballo cooperativo.

Creatividade ao poder! Porque cando reutilizamos, inventamos e soñamos, tamén estamos construíndo un mundo mellor.






27/5/26

SEMENTANDO CONCIENCIA ECOLÓXICA

 Bo día, Curuxiñalector@s!

Durante este curso, dentro do noso proxecto COS PÉS NA TERRA, e partindo dos libros informativos e álbums ilustrados adquiridos na biblio relacionados coa natureza, a sustentabilidade e o coidado do medio, o alumnado de infantil, 1º, 2º e 3º de primaria participou nunha actividade de aprendizaxe moi especial. Como complemento ao composteiro do centro, nas aulas puxemos en marcha unha vermicomposteira caseira, tamén chamada compostadora de miñocas, elaborada con materiais reciclados, dun xeito sinxelo, económico e sostible.

A experiencia permitiulles observar de preto o proceso de creación de compost natural e coñecer a importancia das miñocas na transformación dos restos orgánicos en fertilizante de excelente calidade para a horta escolar. Primeiro empregamos botellas reutilizadas de 5 litros e, posteriormente, caixas de porexpan, nas que fomos creando pequenos criadeiros de miñocas alimentadas cos restos da merenda.

Esta actividade favoreceu a observación directa, a experimentación e a conciencia ecolóxica, conectando a lectura, a investigación e a aprendizaxe práctica arredor do respecto e coidado da terra.