22/5/26

LER, PARTICIPAR, MELLORAR...

 Ola, Curuxiñalector@s!

Deixamos aquí unhas enquisas relacionadas coa biblioteca co obxectivo de valorar o traballo realizado e coñecer mellor os hábitos lectores da comunidade usuaria. A Vosa participación é moi importante para seguir mellorando os servizos e actividades. 

Enquisas familias

Enquisas alumnado

Enquisas profesorado

GRAZAS POR AXUDAR Á BIBLIO A CRECER


UNHA MESMA IDEA.. INFINITAS IMAXES. IA NA BIBLIOTECA CREATIVA

 Ola, Curuxiñalector@s!

Esta semana vivimos unha experiencia diferente e moi enriquecedora no noso centro coa celebración dun obradoiro especial de Intelixiencia Artificial dentro da nosa biblioteca creativa. Esta actividade estivo vinculada co noso PDI, xa que o alumnado empregou a tecnoloxía e a IA como ferramentas para investigar, crear e acceder á información de maneira crítica e responsable, en liña cos obxectivos do PLEA e do traballo documental que desenvolvemos no centro.

Ao longo da sesión, os nenos e nenas participaron en distintos retos e actividades relacionadas coa IA, empregando os ordenadores para investigar, resolver pistas e descubrir novas formas de aprendizaxe. Traballaron en equipo, compartiron ideas e puxeron a proba a súa creatividade e capacidade de análise da información. Proximamente farase unha exposición no centro para compartir co resto da comunidade educativa o gran traballo realizado.


20/5/26

NOVO ESPAZO DE RESERVAS

 Bo día, Curuxiñalector@s!

Debido ao grande éxito que están tendo as novidades nas últimas semanas, na nosa biblioteca decidimos deseñar un recuncho adaptado exclusivamente para a reserva de libros. Queremos facilitarvos o acceso aos títulos máis demandados e garantir unha experiencia máis doada, organizada e accesible para todos e todas.

Deixámosvos por aquí as normas para un uso axeitado deste espazo.

Agardámosvos entre libros!!!






18/5/26

XOGOS QUE ENSINAN, MOMENTOS QUE UNEN

 Bo día, Curuxiñalector@s!

Canto me gusta ver que utilizades a biblioteca no voso turno! Entre cartas, xogos e retos, estades aprendendo un montón mentres compartides momentos cos compañeiros e compañeiras. Na nosa biblio non só hai libros... tamén recursos para pensar, crear, cooperar e divertirse. É unha alegría vervos xogar, descubrir e aprender xuntos e xuntas facendo un uso tan bonito deste espazo. 

Seguide desfrutando e aproveitando todo o que temos preparado para vós!




15/5/26

VAMPIRA DE BIBLIOTECA: UNHA ACTIVIDADE TERRORIFICAMENTE DIVERTIDA

 Bo día, Curuxiñalector@s!

Onte na biblioteca vivimos unha xornada chea de emoción, creatividade e moitas risas grazas á actividade de animación á lectura organizada arredor do libro Vampira de biblioteca.

Da man de Vicki, o alumnado participou primeiro nun divertido concurso sobre a historia e os personaxes do libro, demostrando todo o que lembraban da lectura e o atentos e atentas que estiveran aos detalles. Houbo preguntas, retos e moito entusiasmo por parte de todos e todas. Despois chegou o momento máis creativo da actividade: as dramatizacións. En pequenos grupos representaron diferentes escenas da historia, converténdose por uns minutos nos protagonistas do libro. Non faltaron as interpretacións sorprendentes, os momentos cómicos e a impliación de todo o alumnado. 

Foi unha experiencia moi enriquecedora que conseguiu achegar a lectura dun xeito dinámico e participativo, facendo da biblioteca un espazo vivo onde as historias cobran vida.

Queremos agredecer especialmente a Vicki pola súa enerxía e por guiarnos nesta actividade tan especial, así como á Jose da editorial Santillana polo seu apoio e colaboración.


RENOVAMOS ESPAZOS NA BIBLIO

 Ola, Curuxiñalector@s!

Na nosa biblioteca seguimos facendo pequenos cambios para convertela nun lugar cada vez máis acolledor, práctico e atractivo para o alumnado. Nesta ocasión reorganizamos algúns espazos e creamos un recuncho fixo dedicado ás novidades lectoras. A partir de agora, toas as novas invorporacións á biblioteca terán  un lugar especia e visible, facilitando que os nenos e nenas pidan descubrir rapidamente os últimos libros chegados ás nosas estanterías. Contos, novelas, cómics e álbums ilustrados estarán expostos neste espazo para espertar a curiosidade e animar a lectura. Ademais, aproveitamos para mellorar a distribución dalgúns materiais e facer da biblioteca un lugarmáis cómodo e dinámico, pensado para compartir historias, aprender e desfrutar da lectura.

Pouco a pouco, seguimos construíndo unha biblioteca viva e chea de aventuras!


13/5/26

ENTREGA DE AGASALLOS

 Bo día, Curuxiñalector@s!

Hoxe fixemos entrega dun agasallo aos gañadores e gañadoras do BOOKFACE . Parabéns pequenos e pequenas artistas!Desexamos que vos guste. 

ADIANTE COAS LECTURAS!