8/9/26

SEMENTANDO FUTURO: COMEZAMOS UN NOVO CURSO!

Bo día, Curuxiñalector@s!

Coa ilusión, a enerxía e as ganas de aprender sempre trae consigo un novo comezo, damos por iniciado un novo curso escolar. E facémolo cun proxecto que nos acompañará ao longo de todo o ano: "Sementando futuro".

Este curso queremos poñer a mirada máis alá das aulas e aprender a construír, entre todos e todas, unha vila e un mundo mellores. Para iso, o noso PDI estará centrado nos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS), achegándoos ao día a día do alumnado dun xeito próximo, práctico e significativo. Traballaremos para que os nenos e nenas comprendan que as pequenas accións de hoxe poden transformar o mañá: coidar o planeta, respectar as persoas, promover a igualdade, consumir de maneira responsable, protexer os nosos ecosistemas e participar activamente na comunidade. E para dar a coñecer este novo proxecto desde primeiro momento, as entradas dos nosos edificios quedaron transformadas con murais representativos. Unha maneira visual e colorida de dar a benvida ao novo curso e lembrar, cada día ao entrar, o propósito que nos une.

Porque educar tamén é sementar valores, conciencia e compromiso. Queremos que o noso alumnado medre entendendo que cada persoa ten un papel importante na construción dunha sociedade máis xusta, sostible e inclusiva. Ao longo deste camiño, aprenderemos, investigaremos, imaxinaremos, compartiremos e, sobre todo, actuaremos. Porque o futuro non só se agarda, constrúese.

Benvidos e benvidas a "Sementando futuro"






No hay comentarios:

Publicar un comentario